ABERTA A CONVOCATORIA DO CONCURSO DE IDEAS PARA TRANSFORMAR O MERCADO NA NOVA BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL

  • • O Concello contou coa colaboración do COAG na redacción das bases e será o xurado deste concurso
  • • A alcaldesa sinala a importancia de traballar con expertos para o deseño dos espazos e estruturas públicas

O Concello de Ponteareas informa que a Plataforma de Contratación do Estado xa publicou a convocatoria do concurso de proxectos con intervención de xurado para a rehabilitación do edificio do antigo mercado que se converterá na nova biblioteca municipal.

Co obxectivo de executar unha obra ben pensada e que dea unha axeitada solución ás necesidades o Concello de Ponteareas buscou a colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para a redacción das bases e para formar parte do xurado.

A alcaldesa, Nava Castro, sinala que “buscamos a excelencia na nosa xestión, apostamos por planificar e pensar ben cada acción coa intención de que cada investimento e recursos públicos sexan ben aproveitados. Por este motivo optamos por un concurso deseñado por expertos como o COAG, o maior referente en arquitectura de Galicia”.

O concurso desenvolverase en dúas fases. Explica a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández que, logo desta convocatoria aberta que vén de publicar a Plataforma de Contratación do Estado, iníciase a primeira fase na que as e os profesionais participantes presentarán ideas. De entre todas as propostas presentadas o xurado escollerá cinco. Os autores serán convidados a participar na segunda fase na que desenvolverán un anteproxecto. De entre todas as propostas o xurado elexirá unha que resultará a gañadora e a adxudicataria do contrato de redacción do proxecto final e dirección de obra. O Concello entregará un total de 27.500€ en premios, sendo o primeiro premio de 10.000€; o segundo de 7.500€; o terceiro premio 5.000€; o primeiro accésit 2.500 € e o segundo accésit 2.500€. O prazo de presentación remata o vindeiro 18 de xullo de 2024 ás 14:00 horas.

O presidente decano do COAG, Luciano Alfaya, valora “moi positivamente” este concurso a realizar polo sistema de dúas fases que garante a calidade das propostas. “Pensamos que é o mellor proceso para facilitar que os concellos podan contar con propostas arquitectónicas de calidade. A primeira fase simplifica a documentación a presentar. A segunda garante a retribución económica do traballo das e dos arquitectos aós que se lles solicite desenvolver as suas ideas”.

Nava Castro amosa a súa satisfacción por este novo avance tan necesario para a cidadanía “temos moitas e moitos usuarios da biblioteca pública municipal que ofrece moitos servizos e que precisamos ampliar”.

Por último, Luciano Alfaya agradece ao Concello de Ponteareas a convocatoria do concurso e a confianza no COAG na elaboracion das bases, “algo que agardamos que se xeralice no conxunto de Galicia”.

Anterior PONTEAREAS INICIA O DESENVOLVEMENTO DO PLAN ESPECIAL DE XINZO PARA A DOTACIÓN DE NOVOS EQUIPAMENTOS

Este sitio web utiliza cookies para que teñas a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando estás dando o teu consentimento para aceptar as mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para obter máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies