Casa do Concello

Enderezo:

Xardíns da Xiralda SN - 36860

Horario apertura

Lun –Ver: 7:30 am – 15:00 pm

A Casa do Concello de Ponteareas

Dende a constitución do municipio de Ponteareas en 1836, a corporación non tivo un edificio en propiedade até 1900, data de entrega da actual Casa do Concello.
A corporación constitúese a principios de xaneiro de 1836, nun edificio compartido e arrendado na costa de San Gregorio, onde se impartirá a xustiza. Antigamente residía aí a escribanía do Conde de Salvaterra e Marqués do Sobroso.


Esta casa do concello, á que se accedía polo canellón posterior, era austera e de dúas plantas con adega coma depósito municipal. O baixo usábase como salón de Plenos e como sala xuízos cando se precisaba. A planta acollía as oficinas municipais e contaba cun balcón corrido e amplo. A fachada principal daba a unha praza.

Na I República (1872-1873) Ponteareas contou con dúas sedes ao mesmo tempo: unha na costa de San Gregorio, cun alcalde conservador, onde se custodiaban os libros de actas da corporación municipal, e o outra, ocupada pola corporación democrática legalmente constituída, na casa propiedade de D. Luís Álvarez, no barrio da Ponte e á beira da capela dos Remedios.

O 16 de outubro de 1894 a corporación municipal aproba a construción dunha nova casa do concello sobre o terreo da antiga devesa real situado na Xiralda. A redacción do proxecto encárgase ao arquitecto D. Domingo Rodríguez Sesmero. O alcalde, D. Pedro Estévez Amil, dá conta da memoria, planos, prego de condicións e orzamento para esa nova casa consistorial.
A concepción arquitectónica do novo edificio responde á condición de Ponteareas como concello cabeza dun distrito administrativo. Trátase dun conxunto monumental, dentro dos canons eclécticos e historicistas da época. A súa fachada conta cun balcón corrido, enmarcado por catro falsas columnas de estilo dórico. Sobre el álzase un frontón coroando a fachada, co escudo municipal no seu cumio e actualmente cun reloxo na parte central.

A construción da nova Casa do Concello, iníciase no ano 1897, baixo o mandato do alcalde D. Antonio Rodríguez Roman. A dirección de obra encárgase ao arquitecto D. Felipe de la Quintana, quen introduce modificacións ao proxecto orixinal ampliando o salón de sesión e comunicando o baixo co primeiro andar mediante unha escaleira dun tiro rematada en dous e o primeiro andar co sobrado a través dunha escaleira de caracol. As obras foron adxudicadas aos empresarios ponteareáns Agustín Xusto e Aniceto Covelo Carballido. As obras conclúense en 1900.