Heraldíca

 

Os antecedentes do actual escudo da Vila e Concello de Ponteareas remóntanse a comezos do século XIX. Entre 1835 e mediados dese século, nos cuños municipais e do correo postal, no canto da actual capela de San Roque figuran os restos dunha torre. Naquel entón, na saída da vila e á entrada da antiga ponte de Areas, existían os restos dunha torre, que en 1777 se transformaran na capela de San Roque. Nos cuños úsase un escudo redondeado e no centro os restos da torre, o río e unha ponte de tres ollos, coa seguinte lenda que o rodea unha orla: Puenteareas – Galicia.

 

O primeiro en describir o noso escudo foi o historiador tudense, Francisco Ávila y la Cueva, na súa “Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado” no seu tomo II no capítulo 10, ao redor de mediados do século XIX. O devandito historiador di: “Hace por armas de blasón en escudo campo azul celeste un puente de dos ojos sobre aguas, en la extremidad de la izquierda una ermita con espadaña dando el frente al puente, en el centro de éste un León rampante, con la espalda vuelta a la ermita, y sobre el león un letrero formando medio círculo que dice: PUENTEAREAS y orlado o laureado el escudo con dos ramos verdes de laurel, uniendo éstos las extremidades inferiores debajo del puente y aguas y las puntas en lo alto del escudo…

Este escudo sufriu diversas modificacións desde mediados do século XIX. Primeiro desapareceu a carteleira co nome da vila, logo foron substituídas as polas de loureiro da orla  por unha pola de cana e outra de oliveira. En 1861 usouse outro escudo no que foron suprimidos a ermida, o león e as polas que o orlaban, quedando tan só a ponte que de dous ollos pasou a tres arcos.

Durante a Primeira República (1873–1874), a diferenza dos anteriores escudos, usouse un ovalado en sentido horizontal, cunha unha ponte de tres ollos no centro e coa seguinte lenda que o rodea en faixa: Alcaldía Popular de Puenteareas.

Na Restauración volveu utilizar o escudo coa capela, o león, a ponte, os ramalletes de oliveira e a lenda Puenteareas.

No 1909 utilízase o escudo coa capela, o león, o río e a ponte de tres arcos, diferénciase do anterior na eliminación dunha pola de oliveira que se substitúe por outra de loureiro, cos seus talos unidos por un lazo na parte inferior. A envolvente contén a seguinte lenda: Ayuntamiento Constitucional de Puenteareas.

Na Segunda República (1931-1936), o escudo é ovalado en vertical coa ponte de tres arcos no centro e o león, desaparecendo a ermida e repetindo a mesma orla e lenda do ano 1873: Alcaldía Popular de Puenteareas.

A partir do 18 de xullo de 1936, coa ditadura de Francisco Franco, recupérase o escudo anterior a 1931, é dicir, o mesmo que en 1909. Nel aparecen a capela, a ponte con tres ollos, o león, o río e o ramallete de loureiro e oliveira cos seus talos unidos por un lazo na parte inferior. A envolvente recolle a seguinte lenda:  AYUNTAMIENTO DE PUENTEAREAS

En 1972, o heraldista Jaime Bugallal Vela, define na publicación “Lonxe da Terriña” o escudo coa ponte con tres arcos e o río, a capela e o león. Está timbrado cunha pola de loureiro e outra de oliveira cos seus talos unidos por un lazo vermello, e rematado por unha coroa real.

Desde a Constitución de 1978 o concello emprega o escudo definido por Bugallal Vela.