O CONCELLO FELICITA A TODAS AS PERSOAS QUE PARTICIPARON NO CORPUS CHRISTI DE PONTEAREAS

O CONCELLO FELICITA A TODAS AS PERSOAS QUE PARTICIPARON NO CORPUS CHRISTI DE PONTEAREAS

  • Un quilómetro e medio de arte floral e milleiros de persoas visitantes que deixaron sen incidencias unha nova edición do Corpus
  • O grupo de goberno salienta a actitude do público e a profesionalidade das/dos traballadores municipais e forzas e corpos de seguridade así como o apoio de autoridades políticas

Ponteareas, 4 de xuño de 2024.- A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, quere felicitar, no seu nome e no de todo o grupo de goberno, a todas as persoas que fixeron posible unha nova edición do Corpus Christi de Ponteareas e a todo o público participante. O primeiro tenente de alcaldía e concelleiro de Cultura, Juan Carlos Carrera, salienta os bos datos “un quilómetro e medio de arte floral con milleiros de persoas que nos visitaron e ningunha incidencia de gravidade estamos máis que orgullosos do traballo desenvolto por todas e todos e da actitude de todo o público que nos visitou”.

Un público de calidade que estivo á altura do traballo realizado nas rúas polas e polos alfombristas ponteareáns. O equipo de goberno quere agradecer tamén a profesionalidade do persoal municipal que, ano tras ano, deixa de celebrar as festas en familia e coas amizades para realizar un servizo público e que toda a cidadanía poida gozar dun tempo de calidade. Tamén a presenza das autoridades políticas que arrouparon as celebracións; presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; conselleiro de Cultura, José López; presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; alcaldes da comarca e demais autoridades que disfrutaron e foron testemuñas do esforzo dun pobo. Ademais quere salientar o traballo das forzas e corpos de seguridade e Protección Civil que velaron en todo momento pola tranquilidade das persoas. O goberno ten tamén palabras de agradecemento para todas as persoas voluntarias que colaboraron co bo desenvolvemento da festa.

Nunha edición na que se puxeron en marcha novos modelos e procedementos o balance é moi positivo, sinala a alcaldesa. “Para poder medrar, mellorar e innovar sempre hai que avaliar previamente e tomar decisións para logo poñelas en marcha que é o mellor xeito de poder axustarse ás necesidades. Recibimos máis persoas que nunca, incorporamos novidades e a resposta do público foi cívica, respectuosa e de colaboración. Non podemos pedir máis”.

Agora, o goberno comeza xa a pensar na vindeira edición e procede a celebrar as distintas reunións de equipo e departamentos para facer balance e recoller incidencias e melloras de cara á organización do próximo Corpus. “Sempre hai aspectos que mellorar e por iso manteremos estes días as pertinentes reunións e planificar desde xa a edición do ano 2025 en equipo e con consenso”.

Anterior 01/06/24 – Aberto prazo de solicitude para as fogueiras de San Xoán

Este sitio web utiliza cookies para que teñas a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando estás dando o teu consentimento para aceptar as mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para obter máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies