O Concello pon en marcha o concurso de almorzos ‘SABOR DO TEA’ con obxetivo de dinamizar a hostelería local

O Concello inicia o concurso gastronómico “Almorzos Sabor do Tea” o próximo sábado 26, un certame no que participarán ata dez establecementos hostaleiros da vila: Papelón con limón, Cafetería Cortiñas, Cafetería El Arca, El Regreso Café Brunch, Café Bar Romi, Cafetería Goya, Cafetería D’ Peyo, Café D’ Canela, Vinoteca A Tenda e Chiquitita Café. No acto de presentación, que tivo lugar no Salón de Plenos, participaron a alcaldesa, Nava Castro, o concelleiro de Comercio, Ricardo González, así como os hostaleiros e as hostaleiras participantes.

Este evento, cuxo obxectivo é dinamizar o sector, conta con dous xurados. Por unha banda, o formado por profesionais premiará ao almorzo máis orixinal (cun primeiro, segundo e terceiro posto), ao mellor servizo que reciba os clientes e as clientas e ao almorzo máis saudable. Pola súa banda, as persoas que se acheguen a desfrutar das propostas votarán a súa favorita mediante os “me gusta” nas imaxes que estarán dispoñibles no perfil oficial do Facebook do Concello. 

En canto ao premio do almorzo máis saudable, o xurado valorará a súa calidade nutricional do almorzo, puntuando positivamente aqueles que conteñan cereais e froitas de temporada e proximidade. Tamén será importante a procedencia dos produtos e a cantidade de azucres engadidos que inclúan. Con esta categoría búscase romper a asociación de que o saudable é aburrido.

En todo caso, o almorzo gañador do conxunto do concurso será o que determine o xurado profesional.

Ademais, as persoas que participen degustando os almorzos recibirá nos locais un pasaporte persoal co que entrará nun sorteo con diferentes premios.

Os almorzos serviranse os sábados e os domingos en horario de 7:30 a 12:00 horas e os festivos 1 e 17 de maio así como o 3 de xuño na mesma franxa horaria.

O concelleiro de Comercio, Ricardo González, apuntou que “ se trata dunha aposta do Concello por incorporar accións que melloren a nosa calidade de vida como é o caso de valorar por almorzos que inclúan ingredientes saudables mentres demostramos que iso non ten por que ser nin aburrido nin menos saboroso. Á vez, contribuímos á dinamización da nosa vila” e agradeceu a implicación dos hostaleiros e hostaleiras que participan no certame.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, indicou que “xuntamos nunha iniciativa a aposta pola gastronomía, o incentivo da nosa hostalería e a posta en práctica dunha boa alimentación. Será ocasión de, ademais, fomentar a interacción social entre aquelas persoas que se acheguen aos 10 establecementos que participan nesta primeira edición de Almorzos do Tea”.

Anterior O Concello habilita espazos de aparcamento rápido para os usuarios e usuarias das farmacias