O CORPUS CHRISTI DE PONTEAREAS ESTREARÁ A SÚA PROPIA MARCHA PROCESIONAL, CREACIÓN DE XOSÉ LOIS FOXO E ELABORARÁ UNHA ALFOMBRA CO DESEÑO DE BALDOMERO MOREIRAS

O CORPUS CHRISTI DE PONTEAREAS ESTREARÁ A SÚA PROPIA MARCHA PROCESIONAL, CREACIÓN DE XOSÉ LOIS FOXO

  • O director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense agasalla ao Corpus ponteareán cunha obra solemne
  • O Concello tamén aposta pola arte, cun collage deseñado polo pintor Baldomero Moreiras, que será replicado nunha das alfombras florais

Ponteareas, 29 de maio de 2024.-  Artistas e creadores culturais amosan a súa sensibilidade pola arte efémera das alfombras e crean unha marcha solemne e unha obra pictórica para o Corpus Christi ponteareán. O director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo, agasalla ao Corpus de Ponteareas coa obra “Marcha Procesional do Corpus Christi”, que se estreará o domingo na saída da procesión.

A alcaldesa, Nava Castro, traslada o seu fondo agradecemento ao gaiteiro, musicólogo e compositor salientando “a importancia do sentir do Corpus Christi e da arte efémera das alfombras florais que traspasa fronteiras e esperta sensibilidades de outros creadores e artistas da relevancia de Xosé Lois Foxo”.

Nava Castro agradece, ademais, a magnífica aportación do pintor e deseñador Baldomero Moreiras creador do collage de 47×47 cm. que será replicado en tamaño 5×5 m. nunha das alfombras florais. Aínda que natural de Celanova, Baldomero foi veciño de Ponteareas e na súa obra afloran as lembranzas e sensacións que a nosa vila lle deixou. Protagonizan a composoción unha rosa dos ventos e as pombas que simbolizan a paz e marcaron a infancia do autor que de pequeno pasou tempos de verán en Ponteareas. A traseira do edificio ofrecíalle vistas a un pombal do avó do farmacéutico Lago, familia que aínda conserva o gusto pola colombofilia. Un dos grandes éxitos da traxectoria do creador Baldomero Moreiras foi a exposición de 40 anos de carteis, promovida pola Fundación Curros Enríquez e Concello de Celanova, que culminou coa publicación do libro da editorial Frenética “Baldomero Moreiras: Carteis, cartazes, affiches”. Tamén cabe salientar a exposición no Museo do Pobo Galego adicada ás mulleres esquecidas que tamén expuxo en Porto.

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense recibirá a chegada da procesión interpretando a peza Antigo Reino de Galicia. No programa tamén está incluída a participación da Banda de Cornetas y Tambores Santísimo Cristo de la Victoria, procedente de León.

Anterior O Concello acolle a presentación da revista Pregón 2024 que xa está a disposición das veciñas e veciños

Este sitio web utiliza cookies para que teñas a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando estás dando o teu consentimento para aceptar as mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, prema na ligazón para obter máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies